O BARROCO PLENO: PORTO

No Porto destacan tres igrexas: S. Francisco, Santa Clara e S. Pedro de Miragaia. A primeira é de estructura gótica mentras que as outras responden ó modelo de igrexa-caixón. As tres foron revestidas con talla dourada dunha abundancia que recorda ós exemplos que se poden atopar no Barroco mexicano.



Igrexa de S. Francisco

A igrexa de S. Francisco é un templo gótico iniciado en 1245. Dispón de tres naves sendo a central máis alta e foi recuberta de talla nos séculos XVII e XVIII ocultando a súa fisonomía medieval. No seu interior acolle a “Arbore de Jesé” esculpida por Filipe de Sousa e Antonio Gómez en 1718, unha das cimas da escultura barroca portuguesa. Outros retablos como os da Nossa Senhora do Socorro e Nossa Senhora da Rosa foron diseñados polo arquitecto Francisco de Conto e Acevedo e realizados por Manuel de Costa e Andrade en 1743. As familias nobres escolleran este lugar para os enterramentos e contribuían ó seu esplendor.




Igrexa de Santa Clara



Forado na igrexa de Santa Clara


Santa Clara era tamén unha igrexa gótica fundada por Juan I en 1416 á que se accede por un portal renacentista de 1697. Reformada na primeira metade do século XVIII, dispón dunha única nave seguindo o modelo de igrexa caixón con altar telescópico. Destacan os retábulos, o teito do altar e a capela maior, todo realizado en talla. O coro alto recúbrese con casetóns nos que follas e flores poñen un especial colorido oriental. Unha nota máis de cor é ofrecida así mesmo polos azulexos do dezaoito.




S. Pedro de Miragaia

A igrexa de S. Pedro de Miragaia, máis modesta en tamaño, repite o esquema de igrexa-caixón, mentras que a talla redúcese á capela maior que aparece revestida cun notable efecto.
A combinación de talla dourada e o azul dos azulexos proporcionará unha das grandes creacións propias de Portugal, matizando a austeridade que nun principio impoñía o rigor xeométrico da igrexa-caixón.
Sen embargo a gran figura do barroco portuense, Nicola Nasoni (1691-1773), estaba ainda por deixar a súa enorme pegada. Procedente da Toscana chega a Portugal no verán de 1725 desde a illa de Malta, lugar no que estaba a traballar. Nasoni, pintor, decorador e arquitecto, levará a cabo monumentos tanto civís como relixiosos e por si fose pouco, exercerá unha gran influencia noutros artistas locais, creando unha autentica escola. Nasoni tivo a importante tarefa de ordenar o panorama artístico e ninguén mellor soubo materializar no granito o aprendido en Italia e adaptalo ó gusto da rexión. Pasa os primeiros anos como pintor e decorador realizando murais na catedral de Porto, teitos na catedral de Lamego e na igrexa da Cumeeira. As súas primeiras obras arquitectónicas non son fáciles de distinguir das de Antonio Pereira, outro importante arquitecto do momento.




Igrexa dos Clérigos

O primeiro traballo do que se encargou foi a igrexa dos Clérigos (1732-1748). Esta edificación é un conxunto dividido en tres partes: igrexa, hospicio e torre. Disposta nunha rúa estreita e con certa inclinación, Nasoni optou por unha planta oval mentras elevaba a fachada sobre unha escaleira monumental. A fachada dividida en dúas partes presenta dúas grandes ventás que iluminan o seu interior. Xogos de pilastras dividen os panos nos que aparecen ventás máis pequenas e nichos con imáxenes. A decoración do imafronte vaise complicando a medida que se ascende ata rematar nun animado frontón que garda gran similitude co que Carlo Rianaldi realiza en Roma na igrexa de Santa María in Campitelli. A Torre, situada no lado oposto, foi rematada en 1758 e nela destaca o emprego que soubo darlle ó granito para que producise unha imaxinativa decoración.
Igrexa da Misericordia

Outro traballo moi significativo de Nasoni foi a fachada da igrexa da Misericordia realizada en 1750 e onde concentra toda a súa expresividade barroca. En canto á arquitectura civil destaca-lo pazo do Freixo, excepcional edificación que se atopa en Campanha, nas aforas do Porto, construido polo toscano para a poderosa familia dos Noronha. Aquí vólve a executar toda a súa linguaxe artística: balaustradas, escalinatas, frontóns, torres etc dando lugar a un edificio dunha gran singularidade.



Pazo do Freixo

A actividade de Nasoni non se limitou o seu traballo como arquitecto. Colaboradores seus souberon asimilar as súas ensinanzas e facer máis prolífica a súa obra. Así, Antonio Pereira, que chegara ó Porto para ocuparse na catedral en 1719, procedía da zona de Lisboa en donde traballara na primeira fase do pazo-convento de Mafra e comenzou como mestre canteiro facéndose cargo dos traballos na igrexa dos Clerigos en 1732, pasando logo a realizar en 1746 a igrexa de Nossa Senhora da Esperanza e moi probablemente sobre un proxecto de Nasoni. A Pereira débese o pazo de S. Joâo Novo que mostra unha singular fachada e escaleira interior. A súa obra extendese por outras partes do Norte de Portugal como Lamego. Pereira destacaba ideando e realizando retablos dos que é un bó exemplo o que se pode ver na igrexa do Bom Xesús de Barcelos.
En canto o Pazo Espiscopal non hai unanimidade sobre si o seu autor puido ser Nasoni ou Pereira. Si sabemos que as pinturas da súa escaleira son obra de Nasoni e tamen as que aparecen nas paredes das ventás da capela maior da catedral.



Igrexa do Carmo

Máis cualificado parece estar outro discípulo seu chamado José Figueiredo de Seixas (1691-1773), quen executa a partir de 1756 a igrexa dos Carmelitas no Porto na que elabora unha fachada italianizante cunha gran riqueza ornamental moi na liña do seu mestre, a base de guirnaldas, balaustradas e esculturas. Todo isto vigorizado co emprego dun material tan duro como o granito. É admirable o seu amplo e movido frontón borrominesco.
Outras obras barrocas de interese no Porto son a Casa do Cónego que puido ser realizada por Pereira ou Nasoni e a Casa do Despacho, esta sí executada polo italiano. A igrexa da Orde do Terço é de 1759 e presenta unha destacada fachada pero descoñecemos o seu autor. Tampouco se coñece o artífice da igrexa de S. Ildefonso de 1730 cuia fachada carece de interese pero que no interior garda un curioso retablo diseñado por Nasoni. Por último, nos arredores da cidade e influenciado por este Barroco portuense temos a igrexa de S. Joâo da Foz do Douro que acolle unha abundante talla dourada. Influencia que tamén chegará a innumerables quintas e casas solaregas que se erguen neste século tanto nos vales do Douro como nos vales miñotos. A rexión parece verse beneficiada ademáis con Tratado de Methuen de 1703 que liberou as importacións entre Portugal e Gran Bretaña favorecendo o intercambio de textiles por viño. Así, dunha producción de 4.000 barriles a finais do século XVII pasouse a unha de 44.000 a finais do século XVIII. Este despegue económico favoreceu a edificación de casas solaregas das que son bos exemplos a Casa de Ramalde, a Quinta da Prelada, obra de Nasoni, ou a Quinta de Bonjóia si ben ningunha supera en audacia o Pazo do Freixo.
A influencia británica na cidade non só se fai patente dominando o comercio do viño. Finalizado o século XVIII desde alí chega unha corrente neoclásica que marcará o final desta brillante páxina barroca. Hacia 1770 John Carr iniciaba o Hospital de S. Antonio e tamén unha nova etapa artística.






No hay comentarios:

Publicar un comentario